Sunday 05 de May de 2024

Sorteo do VIII Outono Gastronómico nas redes sociais de Turismo de Galicia


Seis participantes puideron gañar cada un dous Fins de Semana Outono Gastronómico

O sorteo de seis Fins de Semana Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia convocado por Turismo de Galicia na rede social Facebook para promocionar ao longo dos meses de outubro e novembro a oitava edición desta iniciativa, recibiu a participación de 522 persoas de oito comunidades autónomas españolas.

Así, neste sorteo, déronse cita participantes de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Madrid e a Comunidade Valenciana que competiron polos seis premios para dúas persoas postos a disposición dos concursantes de xeito gratuíto por Turismo de Galicia.

O prazo para participar no sorteo rematou esta semana, logo de que os participantes tiveran máis de mes e medio para contestar tres preguntas relacionadas co outono en Galicia e inscribirse no sorteo.

Gañadores
Unha vez rematado o prazo, Turismo de Galicia realizou un sorteo aleatorio no que participaron os 497 acertantes das preguntas formuladas no concurso, resultando gañadores seis persoas residentes en Galicia, concretamente na Coruña –dous agraciados- Maside, Narón, Oleiros e Vigo.

Os gañadores teñen de prazo ata o día 14 de decembro para gozar dos premios que inclúen catro menús outono gastronómico, o aloxamento do venres e o sábado para dúas persoas, así como os almorzos do sábado e o domingo.

Outono Gastronómico en Turismo Rural
O Outono Gastronómico en Turismo Rural é unha iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, que agrupa establecementos rurais da comunidade que convidan a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dos menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.

Nesta oitava edición, o Outono Gastronómico en Turismo Rural conta coa participación de 106 establecementos galegos, 27 na provincia da Coruña; 31 en Lugo; 23 en Ourense e 25 en Pontevedra. Dende o 12 de setembro ata o 14 de decembro as casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen as seguintes posibilidades:

-O “Menú Outono Gastronómico”. Un menú para xantar ou cear que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e, viño con Denominación de Orixe galega. O prezo é de 30 euros por persoa. Cada casa de Turismo Rural ofrece dous menús diferentes.

-Un “Paquete Outono Gastronómico” que inclúe un “Menú Outono Gastronómico” por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural elixida –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

-A mellor opción é a oferta completa de “Fin de Semana de Outono Gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

Ademais, se os viaxeiros quixesen compartir coa familia esta fin de semana tan especial, poden escoller a opción “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.

“Este ano, cociña connosco”: obradoiros de cociña gratuítos
Ademais, este ano como novidade, os expertos dos fogóns das casas de turismo rural adheridas a esta promoción ofrecen unha invitación moi especial: entrar nas súas cociñas para descubrir os segredos da súa receita estrela e colaborar activamente na súa elaboración. Ademais, como agasallo, os participantes recibirán un receitario cos pratos presentados por cada un dos establecementos participantes. Estes obradoiros de cociña, totalmente gratuítos, son unha oportunidade única para os amantes da cociña ou para aqueles que queren aprender ou descubrir novas experiencias.

Polo que respecta á participación nesta iniciativa, un total de 37.045 persoas participaron ó longo das sete edicións pasadas dos Outonos Gastronómicos o que levou consigo unha facturación de 2.086.169 euros.